viernes, 31 de marzo de 2017

Cambiamos o mundo coa técnica á vez que a técnica nos cambia a nós mesmos


Grazas a elas descubríronse novos territorios, ampliando o pequeno mapamundi do medievo (que non avanzaba máis aló do norte de África e de cando en cando chegaba á India) ás precisas cartas de navegación modernas. O mundo fíxose enorme: América, o sur de África, Asia.. e con el, a amplitude de miras do ser humano. Cambiamos o mundo coa técnica á vez que a técnica nos cambia a nós mesmos.

O dominio da tecnoloxía era fonte de poder e riqueza. Aristóteles estaba moi equivocado. É un erro moi común na actualidade pensar que investir en ciencia e tecnoloxía é un privilexio dos países ricos. Non, os países ricos non é que sexan ricos e por iso invisten en ciencia, é que por investir en ciencia son ricos.

Máis e máis inventos revolucionaron a nosa mentalidade e a nosa forma de ser no mundo: a imprenta de tipos móbiles de Gutenberg cambiou para sempre a industria cultural. Do carísimo códice medieval pasouse ao libro de papel, moito máis barato e accesible a moita máis xente. E logo entramos na era industrial: do taller pasouse á fábrica e do aprendiz ao obreiro. Novas máquinas producían moito máis e máis barato que o traballador humano. Chegaron teares e as hiladoras mecánicas, e a máquina de vapor encheu toda Europa de ferrocarrís. O capitalismo fíxose salvaxe.

A técnica non só trouxo melloras, senón que incrementou exponencialmente nosa capacidade de destrución.

Os pensadores ilustrados prometían unha nova era de luz e progreso ilimitados se dedicabamos os nosos esforzos para desenvolver a ciencia e a tecnoloxía. Pero pecaron de inxenuos. A técnica non só trouxo melloras, senón que incrementou exponencialmente a nosa capacidade de destrución. Chegaron novas técnicas militares: desde a Antigüedad, o descubrimento do ferro tivo que supoñer un avance extraordinario na arte da guerra.

Imaxínemos a batalla desigual entre un exército armado con espadas, lanzas e armaduras de bronce, contra outro en plena idade do ferro: un masacre. Catapultas e todo tipo de artefactos de asedio, melloras nas técnicas de forxado de armas (logo chegaría o aceiro) e, despois, a gran revolución da pólvora: arcabuces, mosquetes, canóns.

       Tanque Mark IV utilizado na I Guerra Mundial polo exército británico

O gran momento deuse na Primeira Guerra Mundial, a primeira gran guerra tecnolóxica da historia. As nacións en contenda non tardaron en darse conta de que as cargas de cabalería do dezanove non servían de nada para atravesar campos cheos de aramados e minas. Submarinos, tanques, gases tóxicos, aviación, artillería pesada.

As batallas xa non se decidían nun último ataque heroico, senón polo poder económico e industrial dos países combatentes. Alemaña perdeu a guerra non porque fose estrepitosamente derrotada no campo de batalla, senón porque quedou totalmente esgotada económicamente. Non podía xa competir co ritmo de produción bélica dos seus inimigos e rendeuse. O prezo desta guerra foi máis de nove millóns de combatentes mortos e toda Europa arrasada.

As promesas ilustradas comezaron a poñerse en dúbida cara a onde nos levou este progreso tecnolóxico sen límites. E o pesimismo fíxose máis forte cando estalou a Segunda Guerra Mundial, moito máis mortífera que a primeira (con estimacións que chegan aos setenta millóns de mortes) e aínda máis tecnolóxica. Adoita falarse dela como "a guerra total" xa que nela cada país envorcou todos os seus recursos civís e militares.

Ciencia, industria, economía, tecnoloxía... todo ao servizo da destrución do inimigo. E aínda por riba, o fin da contenda non nos levou a un mundo máis seguro no que o ser humano aprendería definitivamente a lección, senón que nos levou á posibilidade da apocalipse final: a Guerra Fría.



Os dous bloques gañadores, Estados Unidos e a Unión Soviética, encerelláronse na máis perigosa carreira armamentística da historia: o progresivo aumento do seu arsenal nuclear. Se un país atacaba primeiro lanzando os seus mísiles, antes de que estes chegasen ao seu branco, o outro lanzaría os seus.

Os mísiles cruzaríanse no ceo e as cidades máis importantes de Occidente serían completamente arrasadas. Einstein dicía que non sabía como sería unha Terceira Guerra Mundial, o que si sabía é que unha Cuarta sería con paus e pedras. Dámoslle a razón.

Este é o mundo de xustiza, liberdade e felicidade que prometeu a Ilustración? No século XX, cando a ciencia e a técnica occidentais chegaron ao seu máximo auxe, a humanidade estivo ao bordo da extinción Habería que abandonar dunha vez por todas este optimismo?

0 comentarios:

Publicar un comentario

Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Affiliate Network Reviews