O conflito é o mesmo desde os presocráticos: cambia o coñecemento e as filosofías adáptanse.
En certo xeito, o ser humano é química. Moléculas,
tecidos, corazón, cerebro. Vive nun mundo global acelerado onde o coñecemento
do mundo subatómico rexe os avances tecnolóxicos máis importantes da historia.
Pero a natureza humana segue expondo os mesmos interrogantes que xa se facían
os filósofos presocráticos sobre os fundamentos da vida. Quen somos? De onde
vimos? Que é o home e cal é a súa singularidade? Niso, o mundo non cambiou nada.
Hoxe máis que nunca a filosofía e a ciencia teñen que
volver ser como o foi na época de Aristóteles e Platón, as dúas caras dunha
mesma moeda. Son os científicos os filósofos do século XXI? É unha cuestión na
que non hai unha opinión unánime. Pero a filosofía, no seu lado máis práctico,
o que se coñece como a ética, está máis viva que nunca porque é agora, cos
avances da tecnoloxía e a ciencia, cando se necesita da súa mediación en temas
como a bioética, a eutanasia ou o aborto.
Hoxe en día as cuestións morais de que facer ou como
vivir son tan perentorias como sempre. Porque unha cousa é o que tecnicamente
se pode facer e outra o que moralmente se debe facer. Trátase de saber como
administrar o enorme poder que a ciencia e a tecnoloxía puxeron en mans do ser
humano.
Os filósofos presocráticos eran observadores da natureza
pero os científicos hoxe tamén o son.
Os antigos filósofos constataban un feito e logo facían
reflexións sobre o mesmo. A diferenza é que agora nos atopamos con formulacións
máis sofisticadas como o teletransporte, que soa a ciencia ficción.
Ata principios do XIX non houbo distinción entre
filosofía e ciencia. Os filósofos eran científicos e os científicos filósofos.
Nas ágoras departíase tanto da natureza humana como de astronomía. Despois,
durante un tempo, filosofía e ciencia estiveron realmente diferenciadas. Pero
agora moitos filósofos están xusto no centro do quefacer científico. Estamos a
volver aos antigos, opina o estadounidense Daniel Dennet, un dos filósofos da
ciencia máis destacados no ámbito das ciencias cognitivas, especialmente no
estudo da conciencia.
Hai quen cre que os científicos lles poñen aos filósofos
os pés na terra. “Ás veces os filósofos falan como eruditos e en ocasións a
filosofía non se entende porque peca de erudición”. Os presocráticos non eran
eruditos, empezaron de cero. Por iso, os científicos nestes momentos teñen algo
de presocráticos; eles miran a natureza, a condición humana, observan e sacan
as súas conclusións sen citar a ninguén.
Trátase da interacción entre a ciencia e a filosofía. A
xerarquía está clara; a filosofía lexisla e a ciencia axúdalle. Os problemas da
filosofía son os problemas eternos do home. A disciplina que ignora a ciencia
simplemente é cega, prívase dos instrumentos para abordar os problemas.
Os científicos e os filósofos deben ter un diálogo a dúas
bandas. Para facer filosofía, hoxe en día, hai que ter en conta os avances da
ciencia e para ver as implicacións da ciencia hai que filosofar.
Frank Wilczek é un físico estadounidense de orixe polaca
e italiano, Premio Nobel de 2004. Desde pequeno unha curiosidade insaciable
levoulle a interesarse pola ciencia, a relixión, incluso a maxia, ata que se
deu conta de que esta última era “fundamentalmente truculenta” e non achegaba “ningunha
verdade”. Atopou na ciencia fundamental un modo de ir crecendo ata converterse
nun científico notable. É deses físicos que se apoian na filosofía para atopar
máis sentido ás súas respostas. “Agora hai unha gran especialización que impide
apreciar a visión de conxunto e é importante que a xente aprecie como a ciencia
expande a imaxinación”, explica Wilczek.
Este científico está convencido de que coñecer a opinión
dos filósofos estimula a abrir o horizonte de preguntas que no seu caso realiza
no campo da física e a cambiar moitas veces de rumbo nas súas formulacións.
0 comentarios:
Publicar un comentario