domingo, 2 de abril de 2017

todo o que se pode facer, débese facer?



En primeiro lugar, cabe afirmar, sen lugar apenas a dúbida, que o ser humano é un animal que utiliza todos os medios dispoñibles na súa contorna para obter un obxectivo marcado, case sempre tentando mellorar a súa vida.

Atendendo a esta definición, poderiamos dicir que o ser humano emprega a natureza como instrumento ao alcanzar as súas metas. Dito dunha forma rápida, sen analizar, esta oración parece en grao sumo lóxica e correcta, pois todos os animais e, en xeral todos os organismos vivos, utilizan o medio para poder sobrevivir. Pero no caso do home, debido ao seu afán de superación, non ocorre o mesmo, xa que sempre tentará conseguir máis e máis sen importarlle as consecuencias que iso poida levar. Así, por exemplo, o afán de atopar e producir potentes fontes de enerxía desenvolveu unha infinita contaminación, e, por conseguinte, o devastador cambio climático, un dos grandes problemas da actualidade. Neste caso, estaría ben volver facernos a mesma interrogación que ao comezo: pódese facer, pero... débese facer?



E, é aquí onde atopamos o gran problema, posto que se chegamos a uns determinados avances, por que non aplicalos?

Xeralmente, adóitase dar resposta a este interrogante afirmando que non é ético, ou non está de acordo cos valores que rexen a sociedade, a igrexa, etc. Retomando o exemplo anterior, ponse de manifesto que non sería correcto contaminar a natureza por tentar conseguir aquilo que queremos e desexamos.
Tendo isto en conta, poderíase chegar a unha concordancia intermedia entre tecnoloxía e natureza?

Así pois, en todo momento, téntase chegar a un estado intermedio que permita o desenvolvemento da tecnoloxía respectando a natureza. Por iso, ditáronse numerosas leis e normas que rexen toda conduta científica e tecnolóxica de acordo coas leis naturais. Facendo uso do mesmo caso anterior, creáronse leis e normas que ditan unhas cantidades máximas de contaminación que respecten, ata certo, punto a natureza.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Affiliate Network Reviews